O poder dunha HiberNación popular

O poder dunha HiberNación Popular, por Javier Lojo

Un ano despois de que comezase o confinamento, ButacaZero estrea 32m². Unha comedia popular moi recoñecible para todos e todas e que, persoalmente, me lembra ás exitosas sitcoms da TVG de mediados dos noventa, esas series na que a trama non era complexa pero si agradecida para botar un bo rato e desfrutar en familia. Porque en familia (ou en parella) fomos moitos os que vivimos a absurdeza dun cativerio que puxo en crise as nosas contradicións, filias, odios e mesmo a nosa identidade. O mesmo lles ocorre a Mar e Xan, interpretados por Nuria Gullón e Xurxo Cortázar. Aínda que no cartaz os seus nomes aparezan en pequeno, cabe sinalar a grandeza do seu xogo escénico, de como nos fan rir e da enerxía coa que sustentan o xirar do seu día a día.

A obra, escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida xunto co seu inseparable socio teatral, Xavier Castiñeira, axúdase dos clixés para levarnos ao riso. O público vese reflectido nos personaxes e situacións vividas porque a obra funciona coma un diario de cativerio. Fai que recordemos que nun ano pasaron demasiadas cousas: podemos ver a ledicia (despois cansazo) de saber que non hai que ir a traballar, os eternos días en pixama, os aplausos ás oito, as caceroladas ás nove, a Simón na televisión, a falta de papel hixiénico, a desorde e a orde, os hobbies esquecidos, a desinfección constante… Pero esta obra non só fala diso, senón que cuestiona a falta de liberdade total dun sistema imposto: o capitalismo voraz, pagar (ou non) o aluguer, as leis que tardan anos en mudar ou actualizarse, e mesmo a dependencia do teléfono móbil ou da televisión.

A parella de actores flúe por trapelas, chanzos, escaleiras, ocos e módulos que semellan representar unha pequena vivenda. Unha escenografía xiratoria e motorizada deseñada por Beatriz de Vega, creadora de espazos cada vez máis imprescindible no noso teatro, xa non só pola súa forma de entender o xogo escénico e as súas posibilidades, senón pola súa sensibilidade no deseño de iluminación e no traballo en equipo.

Cómpre destacar a fermosa banda sonora de Rodrigo Cuevas que, como xa fixo en comedias coma Sidra en vena, está composta en exclusiva para esta montaxe. A unión do folk co pop electrónico axúdanos a facer máis galegos a Mar e Xan, a saber que hai algo máis aló da súa hiberNación.

A peza afástase doutras obras de ButacaZero e fai que se dilúa o selo e linguaxes da compañía. Como espectador, coido que desfruto máis de montaxes como Voaxa e CarmínCamiños ou Despois das Ondas, xa non só polo discurso, senón por tentar conxugar fórmulas máis populares pero sen deixarse levar en exceso polo clixé.

A proposta adoece, baixo a miña visión, de non ter máis presente o verdadeiro drama desta pandemia: o alto número de vítimas. Porque 32m² tan só deixa asexar a dor da morte co pasamento da tía Conchita, unha licencia dramática que se subliña ao final da obra; e iso pode facer que a peza pareza trivial, aínda que non o sexa.

Hai algo mellor que o riso da comedia para depurar as traxedias e facelas máis aturables? Sería pertinente o poder do humor negro nestes tempos? Quen sabe. Carrodeguas ten boa man para darlle a volta ao dramático e convertelo nunha catarse cómica. Sería fermoso ver o seu ton máis negro e rir con el.

32m² de ButacaZero fai que o público goce coas absurdezas, coas contradicións e coas ansias de liberdade que a pandemia trouxo consigo. Un canto á liberdade máis urbanita que fará rir a máis de un, pero tamén cuestionarse o ritmo e derroteiros da súa vida.

 

Publicado na erregueté.gal o 14 de marzo de 2021



Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies