
31 Mar Ghastas camiños?
Crítica de Inma López Silva publicada en Tempos Novos
Curiosamente, o teatro galego último fala pouco de Galicia. As tendencias posdramáticas, como xa comentamos nalgunha outra ocasión, optaron por unha desnacionalización do teatro na procura da expresión doutras formas de identidade que, de certo, non só arramblaron con boa parte do simbolismo da lingua como factor identitario fundamental, senón que ademais conduciron a reflexión escénica cara a ámbitos políticos e sociais pouco transitados polo teatro galego. É coma se o exceso identitario de etapas anteriores conducira as vagas máis mozas de artistas escénicos a unha fuxida desnacionalizadora que deixou de lado o cuestionamento do que somos como pobo, como comunidade imaxinada.
É por isto polo que #camiños (léase ghastas camiños) chamou a nosa atención, pois reflexiona en clave ben actual sobre iso que constituíu un dos cernes fundamentais do teatro galego do século XX, con moito sentido do humor, nun ton desmitificador e, sobre todo, coa pretensión de realizar unha lectura para as novas xeracións arredor das contradicións presentes na conformación da identidade galega ao longo do século XX. En boa medida, #camiños fala da emigración e por momentos parecería que ese era un obxectivo inicial da peza (fragmentaria, heteroxénea) que se dilúe noutros intereses e noutros temas sen que se acabe de fixar unha intención semántica estrita. Mais nese sentido xoga a favor do espectáculo a liña estética contemporánea pola que se opta, sen un argumento preconcibido no que a obra semella avanzar a partir dunha sorte de brain storming sobre a galeguidade que resulta ben grazas ao ritmo, ao humor, ao emprego da música e á lixeireza que aproxima #camiños ao comercial e que lle garante posibilidades co público, que tanta falla lle fai ao teatro galego.
Unha parte da efectividade da obra radica, sen dúbida, na intelixencia dramatúrxica dunha Esther Carrodeguas que tamén actúa e enche a escena coa súa presenza tranquila, segura e poderosa. O texto ten o enxeño desde o que ela escribe sempre, conducindo o público por unha ironía fina que o obriga a ver a súa cotidianeidade desde outro punto de vista, identitario e crítico. A outra parte da efectividade está nas demais actrices que actúan as máis das veces nun derroche de enerxía interpretativa que resulta contaxiosa. Hai ademais un factor habelencioso na dirección desoutro grupo de actrices que é o seu tratamento coral, sen que destaque en realidade unha por riba da outra de xeito que a lectura da peza insiste na reflexión colectiva. Elas son unha sorte de pobo que reflexiona sobre si mesmo, guiadas, por momentos, a modo de corifeo, pola presenza de Carrodeguas, dramaturga que se interpreta (quizais) a si mesma.
#camiños é unha obra interesante desde o punto de vista estético e dramatúrxico, pero o seu verdadeiro valor, na miña opinión, é que é necesaria e entronca o teatro contemporáneo cunha tradición existente en todos os teatros, en todas as artes que deben cuestionar a identidade da audiencia á que se dirixen. Todas as identidades. Incluída a nacional.
Título: #camiños
Compañía: Butacazero
Dramaturxia e dirección: Esther F. Carrodeguas & Xavier Castiñeira
Intérpretes: Pía Nicoletti, Celina Fernández, Noa Covelo, Noelia Blanco, Esther F. Carrodeguas
Espazo escénico, iluminación, vestiario: Diego Valeiras, Fran X. Rodríguez, Alba Blanco