As marías de Santiago en Voaxa e Carmín

Voaxa e Carmín: un ser humano non pode someter a personalidade doutro recortando a súa liberdade

Crítica de Roberto Ledo publicada o 27/07/2018  
A estrea de ‘Voaxa e Carmín’ na MIT Ribadavia foi unha viaxe ás nosas raíces. Un exercicio do máis enxebre que leva un pobo no seu cerne.

As famosas Marías de Santiago amosan nesta obra quen son e que pensan durante os 80 minutos. A autora do texto, Esther F. Carrodeguas, 10º premio Abrente de textos teatrais 2015, con dous detalles -pasean sempre ás dúas da tarde e mercan Sansón e galletas María desvela todo o universo feminino maxistralmente interpretado polas actrices Mabel Rivera e Belén Constenla. É unha traxicomedia de dúas vidas que se eclipsan unha á outra e que a imposición e o dominio acaba por desmoroarse xa que non se poden pór portas ao campo.

Grazas ao vídeo recreación de Roi Fernández (SrPause Cinescapismo) os diálogos cobran nova vida e a imaxinación voa ás rúas de Santiago. O espectáculo zumega, así, modernidade que contrasta máis se cabe coa historia de Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, coñecidas como as Marías de Santiago de Compostela.

O paso do tempo percíbeo o espectador de tal xeito que semella participar da rutina diaria das Marías e nalgún momento provoca ate fastío, amortecido pola brincadeira dos diálogos. “Maruxa e Coralia saen da casa maquilladas ata a extenuación e vestidas a toda cor dispostas a dar o seu habitual paseo das dúas polas rúas de Compostela. Pasear, saudar, mercar Sansón e galletas María, piropear os mozos, insultar as mozas…”, segundo se recolle na presentación.

Ata o terceiro cadro o peso da obra lévao maxistralmente Belén Constenla cun excelente acompañamento e reforzamento no seu papel de Maruxa. Logo no último cadro Rivera corre con todo o peso da obra e xorde outra actriz xigante na súa interpretación á altura da anterior e en menos tempo. Co efecto do viño Sansón, Coralia (Mabel Rivera) saca de dentro dela todo o que agochou ou non quixo ver a súa protectora irmá Maruxa (Belén Constenla).

Aparece, entón, a Coralia con personalidade propia, segura de si mesma, con criterios de comportamento maduros…, ata o momento eclipsados pola irmá que exercía unha protección de conveniencia, baseada en criterios hipócritas e cambiantes. Esta escena da praia amosa unha Mabel Rivera plenamente desinhibida capaz de dar un alto ton teatral por si mesma e como en toda a obra, coa linguaxe corporal –os seus acenos son parte inseparable do que di- e coa verbas e aínda cos pequenas interxeccións. Desborda paixón pola vida que non viviu, polos formalismos hipocrisías aos que estivo sometida e bótalle en cara o proteccionismo ‘maternal’ de Maruxa.

En certa medida é unha crítica á sociedade da época chea de convencionalismos e hipocresías coa complicidade dos seus membros. Coralia desvela que Maruxa é coma ela, na realidade non hai diferencia, tan só nas formas.

‘Voaxa e Camín’ esconde unha lección de que a falta de liberdade é irreprimible no ser humano. Máis tarde ou máis cedo acaba por se pinchar o globo e saír ao exterior. Maruxa impón gustos e pareceres que, ao comezo da obra, Coralia asume con gusto e con graza – hai moita retranca nos diálogos-. Pero chega un momento no que todo isto a afasta da irmá que repite constantemente que o importante é que estean unidas. Canto máis o proclama, a fenda entre as dúas é maior.

Ao remate da obra, xa sabemos máis de quen eran as Marías de Santiago de Compostela e a relación entre as dúas e o viciada que estaba a sociedade que as rodeaba impedíndolles ser elas mesmas. A lección é trasladable aos nosos días.



Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies