Voaxa e Carmín: locais e universais

Crítica de Roi Vidal publicada o 21/07/2016 na Revista Galega de Teatro

Case unha atracción turística de seu e unha das iconas máis recoñecibles de Compostela, a estatua das Marías da Alameda de Santiago agocha unha historia máis dramática que, poñamos por caso, a da de Pessoa no Chiado. Case tan míticas como Cibeles e Neptuno, as Maruxa e Coralia do escultor César Lombera homenaxean as cores dun tempo gris e, ao ficaren aí a pesar dos estragos da desmemoria local, loitan por facer medrar a curiosidade de quen as visita.

Son poucas as mulleres e homes nacidas na capital antes da democracia que non recibisen, respectivamente, os seus insultos ou as súas chiscadelas. Para a maioría foron dúas excéntricas; como moito, hai quen se fai eco do poder simbólico que a súa presenza tiña no mediodía franquista. Como deixou dito Vidal Bolaño na edición impresa que acompañou a inauguración da estatua nos noventa, as Dúas en Punto “miraban a vida cun ollo chiscado e rían dun mundo que a forza de se enganar a si mesmo chegou a crer que era el quen ría delas”. Elas souberon aceptar ese engano e xogar con el. Convertéronse nun disfrace público para ocultaren unha vergonza privada, unha traxedia colectiva e unha memoria histórica.

Con Voaxa e carmín a dramaturga Esther F. Carrodeguas vén a lle dar forma, curiosamente, ao que fora un dos proxectos que o propio Vidal Bolaño non tivo tempo de levar a cabo: o de facer unha obra de teatro sobre o drama vital oculto tras o disfrace das irmás Fandiño Ricart. No canto de polo realismo, Carrodeguas aposta por unha linguaxe poética, de trabalinguas dadaísta, que aproxima a súa creación á poética d’A espera de Godot de Beckett ao debuxar a colorida parella nun paseo compostelán que de tan centrífugo acaba por escachar a lóxica con semellante intención traxicómica.

A calidade do texto recibe o aloumiño dunha dirección atinada. Xavier Castiñeiras artella un dispositivo escénico que, ancorado na forza comunicativa das proxeccións, demostra que a imbricación verdadeira entre a linguaxe audiovisual e a teatral é non só posible, senón tamén máis efectiva, rica e fermosa que o mero solapamento de fragmentos escénicos con fragmentos filmados, ao facer pasear á parella polas rúas dunha Compostela fantasmagórica con xogos escénico-filmicos que acentúan o carácter lúdico da peza.

A pesar do peso dos efectos especiais, o director consegue que Voaxa e Carmíncontinúe a ser unha obra de actrices. Mabel Rivera e Belén Constenla realizan un esforzo notable por se apropiaren dun texto difícil. Compoñen as personaxes desde unha interpretación tan farsesca que por momentos lles fai pareceren debuxos animados. Ao deformaren a voz e o corpo para agasallarnos cun traballo vocal e xestual alucinante están a lle dar vida á famosa estatua nunha actuación que as leva desde a caricatura cómica ao expresionismo de denuncia social, demostrando que a veteranía é un regalo que ninguén debería desaproveitar.

A Maruxa estresada, lercha e sobreprotectora de Constenla, que durante grande parte do espectáculo leva o peso da función en coherencia co papel dominante da súa personaxe, sérvelle de trampolín a unha Mabel Rivera que brilla tanto nas réplicas minimalistas da súa Coralia idealista, inocente e aloulada como no potente monólogo redentor final, xa cando a farsa deveu en traxedia e a función se eleva á categoría de teatro de calidade internacional.

Porque, por máis que a autora defenda o seu traballo como unha visión subxectiva moi afastada do teatro histórico, o certo é que Voaxa e Carmín si pode recibir ese cualificativo, xa que presenta unha maneira artística, creativa e non documental de abordar o drama da nosa memoria histórica: o drama, silenciado durante décadas, de todo o peso da represión posbélica franquista envorcada sobre a vida feble de dúas mulleres inocentes. Se a información está dosificada e desordenada é para, precisamente, facer levedar o interese pola historia real e evitar que o fornecemento de todos os datos provoque unha satisfacción que a volva condenar ao esquecemento.

Texto, dirección e actrices sustentan, ademais, unha produción que, en definitiva, por contido e resultado, pode facer historia no teatro galego: un auténtico monumento teatral.

 

Voaxa e carmín de Esther Carrodeguas
Dirección: Xavier Castiñeira
Elenco: Mabel Rivera e Belén Constenla
Escenografía: Kukas
Audiovisuais: Roi Fenández (Sr. Pause)
Iluminación: Javier Quintana
Maquillaxe: Trini F. Silva
Vestiario: Mari Seoane

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Auditorio do Castelo, 19 de xullo de 2016. 



Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies