Camiños de ButacaZero

O universal e o uniforme

Crítica de Manuel Xestoso publicada o 02/02/2018 na Erregueté

 

Os procesos que nos conducen cara a iso que chamamos globalización poden tirar de nós cara a dúas realidades opostas: a universalidade e a uniformidade. Parece claro que non temos nada en contra de recibir culturas alleas nun intercambio xusto que implique que a nosa sexa respectada en igualdade de condicións: iso sería a universalidade. Pero o poder –e sempre estamos falando de estratexias de poder– sempre reacciona ante a diversidade tratando de eliminala, dado que é máis doado gobernar o igualado que o heteroxéneo: daquela imponse, ou trata de impoñerse, a uniformidade. Prodúcese entón o medo á desaparición do propio ante a ameaza dunha única forma de vida, dunha única cultura, dunha única lingua.

Para as culturas minorizadas, a coerción resulta aínda máis perentoria, dado que ao cuestionamento da súa supervivencia se suma a presión das prácticas culturais que a globalización estende. Por dicilo nas retranqueiras palabras dun xa histórico colectivo galego, á coacción do pequeno imperio súmase á do grande imperio.

#camiños trata de reflectir o desacougo ante o proceso de devalo da nosa cultura, ante o interrogante de que significado terá sermos galegas nun futuro próximo. Pero faino dende a perspectiva dunha xeración esquilmada pola precariedade –ese é o sentido que lle deberiamos dar á palabra millennial–, é dicir, dende o punto de vista dun colectivo cun arsenal moi diminuído para a resistencia.

O matiz é importante xa que Esther Carrodeguas abraza unha linguaxe escénica que se adapta aos hábitos desa xeración: non se trata dun texto acabado como os que nos ofreceu en Voaxa e carmín ou Na butaca, senón nunha especie de cabaré a medio camiño entre o teatro de variedades e esa tendencia que se identifica co “posdrama” (ironicamente aludido pola propia Carrodeguas). O resultado é ambivalente: por unha banda, non acaba de adquirir consistencia polo xeito algo desestruturado con que se presentan os argumentos; pola outra, ofrece frescura e inmediatez no tratamento dos asuntos que aborda. E, o que é máis importante, permite dirixirse ao público dende a trincheira do humor popular.

Así amósanos que a resposta ante o concepto de modernidade varía moito: non é o mesmo explicar a modernidade poñendo como exemplo unha blogger que viaxa polo mundo para facer sempre a mesma fotografía (de si mesma), que recuperando o dato de que Pontevedra foi a primeira cidade do Estado en ter iluminación pública eléctrica nas súas rúas. Nun caso, rexeitamos e, no outro, adherímonos: así se constrúen as identidades, escollendo.

Do mesmo xeito, a lixeireza facilita acollerse ao sentimental cando se fala do abandono do rural e, ao mesmo tempo, introducir o político reivindicando a Rosalía como símbolo dunha sociedade que “ten que tecer soia a súa tea”. Feminizar a simboloxía –e o humor– ten esa forza insubmisa que propicia o estrañamento ante o discurso hexemónico. E aquí volvemos á reivindicación da diversidade como antídoto ante o pensamento único

A galeguidade aparece en #camiños reconstruída cun humor que non se sabe se sobe ou baixa, se é para divertir ou para producir conciencia social. Talvez esa ambigüidade sexa ela propia unha forma de identidade que a obra explota para facer preguntas sobre un futuro que, curiosamente, tende a parecerse moito ao pasado: ao final, é a emigración a que acaba condensando todas as traxedias e todas as virtudes dun pobo. Ante o cadro dunha parella de emigrantes –unha galega que deixa Galiza e unha neta de emigrados que “volve” a ela–, a propia Carrodeguas pregunta: tería sentido este espectáculo fóra deste país?

A cuestión é sumamente interesante, porque resume moi ben o sentido da obra: queremos que sexan outros os que nos digan o que nos interesa ou seremos capaces de facer nós o teatro que precisamos? Seremos quen de erixirnos en centro de decisión ou delegaremos noutros esa función? A resposta, claro, tena o público.

#camiños de Esther Carrodeguas

Dirección: Xavier Castiñeira
Elenco
: Noelia Blanco, Noa Covelo, Celina Fernández, Esther F. Carrodeguas e Pia Nicoletti
Escenografía: Xavier Castiñeira
Asesoramento escenográfico: Diego Valeiras
Vestiario: ButacaZero e Diego Valeiras
Asesoramento corporal: Alba Blanco
Iluminación: Javi Quintana
Audiovisual: Fran X. Rodríguez
Coprodutores: ButacaZero e Centro Dramático Galego
Distribución: Culturactiva

Estrea no Salón Teatro, Compostela. 25 de xaneiro de 2018



Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies