As nosas Marías

As estampas de vida de María Casares, Despois das ondas.

Crítica de Afonso Becerra publicada o 12/10/2019 no blog de Teatro de Praza Pública: O Galiñeiro

 

Auditorio Municipal de Vigo, venres 11 de outubro de 2019. Fóra cheira a mar e a outono. Non é o mesmo olor o do mar de Vigo ca o da Coruña, onde conflúen Cantábrico e Atlántico. No palco, Despois das ondas, a peza coa que Ernesto Is gañou o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña.

Despois das ondas da vida que é o que fica? As lembranzas. No palco Belén Constenla, impresionantemente caracterizada de María Casares, compite coa propia María Casares proxectada na pantalla.

Estamos ante unha María Casares satisfeita coa súa vida, sen conflitos. Non hai un conflito dramático interpersoal, como o que caracteriza ao drama. Hai un rememorar e un evocar algúns capítulos da vida. E o espectáculo que dirixiu Xavier Castiñeira segue esa tendencia.

Mentres o personaxe de María Casares monologa ou escribe, sentada nun vagón de tren, no comboio que a trae de París e a volve levar, no centro do palco van comparecendo, de xeito ilustrativo, como nunha especie de estampas ou postais, as imaxes da infancia, da xuventude, da migración, dos primeiros traballos e amores en París… A actriz Nerea Brey interpreta á Casares nova e compón as estampas coa axuda da actriz Sonsoles Cordón, que simula diferentes personaxes dunha maneira máis icónica e tipificadora ca dramática: o soldado republicano, o director de cinema francés, o dramaturgo.

Nesas evocacións, máis diexéticas (descritivas) ca miméticas (de acción dramática), o espectáculo traballa coa simultaneidade de accións teatrais e audiovisuais (cine en directo), mediante o xogo de filmación, proxección e realización con maquetas, debuxos, fotos, recortes de prensa da época, etc. executados por Roi Fernández e Beatriz de Vega.

As proxeccións fílmicas son case hipnóticas e colaboran en darlle ao espectáculo un ton onírico, que conxuga moi ben coa rapsodia posdramática do texto de Ernesto Is.

No palco, entre as tres actrices, Constenla, Brey e Cordón, dispoñen os trebellos técnicos, para a rodaxe e para as disposicións dos sets ou decorados, Roi Fernández, Esther F. Carrodeguas, Beatriz de Vega e o propio dramaturgo Ernesto Is, aos mandos do control de son, cuxo deseño tamén é da súa autoría. Unha banda sonora, por certo, deliciosa, con temas franceses da primeira metade do século XX, algúns moi populares, que ambientan moi ben as estampas escénicas.

O espectáculo é moi agradable de ver, como quen mira un album de fotos ou un documental ficcionado. A ausencia de conflito dramático e da expectativa, respecto ao desenvolvemento da acción que represente unha historia ou argumento aquí e agora, libérannos de toda tensión de cara a unha resolución ou de cara á satisfacción dunhas expectativas. Pola contra, o que se nos ofrece é unha peza contemplativa dun certo alento lírico (a voz subxectiva do eu), nesas confesións da Casares, na escrita do seu diario, nas súas rememoracións. Ese alento lírico mestúrase e sopésase co modo descritivo-ilustrativo das estampas representadas. O biográfico e o histórico crúzanse, salferidos por unha tendencia lírica, case onírica, de tal xeito que o documento fica matizado e a súa posible dimensión política pasa a ser implícita ou a atenuarse.

Alén diso é moi atraente esa especie de xogo de suplantación que Belén Constenla semella facer da María Casares madura e realizada, que bota a vista atrás. Igual que é moi atraente o xogo metadiscursivo de ver a actriz Belén Constenla interpretando á actriz María Casares que, a súa vez, actúa diante das cámares que Roi Fernández move enriba do escenario para aparecer duplicada na pantalla e triplicada, cando Nerea Brey fai comparecer á María Casares cativa ou rapaza.

Ao final, nesta montaxe de Xavier Castiñeira e a Cía. ButacaZero, creo adiviñar unha homenaxe non só á Casares, senón, sobre todo, ás actrices, como unha especie de declaración de amor ás actrices.

Por certo, Ernesto Is, ademais dun excelente dramaturgo e dun deseñador de son que, nos traballos que lle coñezo, sempre é moi rico, fai moi ben de acomodador de cinema, cando entra para acalar á parella que rexouba amorosamente nas butacas da sala de cinema. Mágoa que agora xa non hai acomodadores no cinema! Aínda que eu a Ernesto Is prefíroo na dramaturxia e na dirección escénica.

Pero, volvendo ao da contemplación agradable das estampas e rememoracións Despois das ondas. Sabes o que máis admiro da personaxe que creou Ernesto Is e ButacaZero? Esa vida sen remorsos. Esa capacidade para ser feliz no escepticismo de quen non cre nin en Deus nin nas persoas. E, sobre todo, ese contento, que nin o asomo de melancolía ou morriña pode embazar.

 

Auditorio do Concello de vigo. 11 de outubro de 2019.



Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies